Proxectos

A segunda campaña PARANTAR chegou ao seu fin

Entre os meses de xaneiro e marzo estiven inmerso na miña primeira campaña antártica nas illas Shetland do Sur. Nesta aventura acompañoume o resto do persoal investigador do proxecto PARANTAR. Nesta ocasión a expedición dividiuse en dous equipos con tarefas previstas e lugares de estudo distintos.

O primeiro equipo centrouse na recuperación dos datos dos sensores introducidos en campañas previas e na introdución de novos dispositivos para comprender as dinámicas nas zonas de ladeira, nos arroios e na fronte costeira. A partir de datos de temperatura, altura da neve ou o réxime térmico dos solos e os datos dos desprazamentos dos elementos monitorizados, preténdese comprender en profundidade cales son as dinámicas actuais nas zonas de traballo.

As tarefas do primeiro grupo leváronse a cabo na illa de Livingston, no entorno da BAE Juan Carlos I, en Punta Hannah, Punta Barnard e no entorno da península de Byers.

A segunda parte do proxecto encargouse da recollida de material xeolóxico en distintas illas do entorno antártico, nas Shetland do Sur, para poder datalas idades destes sectores e así poder comprender mellor como se produciu o proceso de deglaciación. Con esta información poderase complementar a base de datos que se foi xerando en campañas previas e debuxar cunha maior precisión a evolución da superficie libre de xeos no entorno antártico.

Tralas longas xornadas de campo e de recollida de información, agora chega o momento de procesar tódolos datos obtidos e traballar na súa análise. No X Simposio de estudios polares xa se presentarán os primeiros resultados desta campaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.