Filtrados todos os detalles do Pixel 8a

Apenas queda unha semana para que comece o Google I/O 2024, o 14 de marzo. O evento de desenvolvedoras de Google perfílase como o escenario para dar a coñecer o Pixel 8a, o novo dispositivo da compañía. Unha filtración recente ofrece toda a información sobre as súas características e prezo en Europa.

Tal e como foi desvelado en reiteradas ocasións nas últimas semanas, o novo modelo de gama media de Google contará con procesador Tensor G3. Trátase dun chip deseñado pola propia Google e fabricado en colaboración con Samsung. Xunto a el, 8 GB de memoria RAM e opcións de 128 e 256 GB para o almacenaxe interno.

Para a pantalla Google apostou de novo por un tamaño contido, de 6,1 polgadas. Trátase dun panel AMOLED con brillo máximo de até 2.000 nits, resolución 1080 x 2400 píxeles (430 ppp) e protección Corning Gorilla Glass 3.

No apartado fotográfico temos dúas cámaras traseiras, de 64 e 13 MP. A primeira ten unha apertura de f/1.89 e 80º de campo de visión, mentres que o sensor secundario é un gran angular con f/2.2 e 120º de campo de visión. Na parte frontal do dispositivo temos un sensor de 13 MP. E como non podería ser de outro xeito, é na postedición onde Google ofrece importantes características diferenciais. Entre elas, faise mención a varias funcións de edición mediante intelixencia artificial.

A batería, de 4.500 mAh de capacidade, promete 72 horas en modo aforro de enerxía, e algo máis dun día para “uso normal”. Conta con lector de pegadas dixitais baixo a pantalla, NFC para pagos móbiles, audio estéreo e dual SIM, incluíndo eSIM. Por suposto, tamén é compatíbel coas redes 5G.

A filtración tamén ofrece información sobre as cores nas que se porá á venda e o seu prezo. Así, o Pixel 8a chegará en negro volcánico, azul porcelana, azul celeste, verde e aloe vera. Porén, é probábel que a dispoñibilidade de toda a gama cromática non sexa global, senón por rexións.

En canto ao prezo, chegará a Europa por 549 €, o que supón un incremento de 50 € respecto do que costaba o seu predecesor, o Pixel 7a, no momento do seu lanzamento. Agora só queda agardar unha semana para que Google oficialice este novo dispositivo e adiante unha data para a súa posta á venda.

Sobre o autor

Reply