Este é o router 5G que Movistar ofrece como alternativa ao ADSL

Segundo tiña anunciado, Telefónica debería ter apagado o ADSL o pasado 19 de abril. Porén, non o fixo. A operadora continúa co seu plan para migrar ás usuarias á fibra, segundo vai extendendo a súa cobertura, ou ás alternativas de Internet Radio (baseadas en telefonía móbil) ou satélite.

Recentemente Movistar puxo en marcha Internet Radio 5G, co que ofrece unha conexión fixa baseado nas redes 5G con velocidades que poden acadar (en condicións óptimas) 1 Gbps/280 Mbps. Isto mellora substancialmente a solución de Internet Radio que viña ofrecendo, baixo cobertura 4G e cunha limitación de velocidade de 20 Mbps/800 kbps.

Novo router 5G

As usuarias que están sendo migradas a este servizo de Internet Radio 5G están a recibir un novo router, o modelo MitraStar IGW-1121GC4x4-M, que integra o SoC MediaTek MT6890. É compatíbel tanto coas redes 4G (bandas b1, b3, b7, b8, b20 e b28) como coas 5G SA (bandas n3, n28 e n78).

Ten capacidade para soportar unha velocidade de até 3,5 Gbps mediantes os seus anchos de canle de até 80 MHz: en WiFi 5 GHz soporta até 2,5 Gbps, e en WiFi 2,4 GHz acada 1,1 Gbps.

Na súa parte traseira integra dous portos Ethernet RJ45 (1 Gbps cada un), así como tamén unha saída para conectar un teléfono dixital estándar, xa que Movistar ofrece este servizo cunha liña de telefonía “fixa” asociada.

Prezo de Movistar Internet Radio 5G

As usuarias que opten polo servizo de Movistar Internet Radio 5G pagarán 41,90 €/mes, e disfrutarán dunha conexión sen límite de descarga. O servizo inclúe unha liña fixa con chamadas ilimitadas a fixos e 50 minutos de chamadas a móbiles por mes.

A competencia máis directa é o servizo Vodafone Hogar 5G, que vimos de analizar e custa 36,50 €/mes. Tanto na alternativa de Movistar como na de Vodafone hai unha permanencia de 12 meses no servizo.

Sobre o autor

Reply