fbpx
CulturaGaliciaNovas

Estes son os cincuenta e sete finalistas nos Premios Martín Códax da Música 2024

As Bodegas Martín Códax, en Cambados, acolleron a festa de finalistas dos 11º Premios Martín Códax da Música. A partir das seis e media da tarde foron nomeándose as corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final da edición 2024, tras a votación do xurado profesional. Foron desvelados ademais os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas seleccionados na categoría máis noviña dos premios, a de Artista Emerxente, instaurada en 2022 e na que este ano son finalistas Leria, Mondra e Gloria Pavía. Cincuenta e sete proxectos recolleron un agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento da súa inclusión na fase final de votación. A partir do 25 de abril e ata o 12 de maio, as socias e socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como gran novidade desta 11ª edición, o público xeral.

Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, co apoio e colaboración das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra. Asistiron ao acto representantes das institucións patrocinadoras entre os que se atopaban o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, o concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez e a tenente alcalde Eva Villaverde.

Desde Músicas ao Vivo salientouse na festa o carácter non competitivo dos premios, cuxo obxectivo é achegar á cidadanía o gran potencial do sector e estreitar os vínculos entre artistas e bandas, e agradeceuse efusivamente a participación de máis de catrocentos proxectos nesta edición 2024.

As votacións ábrense ao público xeral

Entre o 18 de marzo e o 13 de abril o xurado profesional dos Premios tivo a encomenda de seleccionar os proxectos finalistas entre as máis de catrocentas candidaturas presentadas. O xurado 2024 estivo formado por Pilar G. Rego, xornalista e comunicadora na Televisión de Galicia desde 1989, especializada en contidos culturais e presentadora do programa Zigzag; Elena Vázquez, violinista, improvisadora e mestra desde hai mais de vinte anos anos e parte de grupos como Suelen Estar Quartet, Cuarteto Dumka, Leira Papaia e Trilitrate; Alberto Busto, guitarrista e voz en Arrhythmia , guitarrista en Rebeliom do Inframundo e tamén streamer de música en galego en Twitch; Maritxinha, baixista que comezou na interpretación musical en Bruxelas e que forma parte de diversos proxectos musicais galegos como Udra, premiado o pasado ano na categoría Blues, Funk e Soul; e Cao de Mos, responsable da Sala Rebullón no concello de Mos, que tamén foi galardoada en 2023 na categoría de Salas dos Organistrum.

A gala desta 11ª edición dos Martín Códax celébrase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección de Xurxo Souto, que estivo na festa de finalistas nas Bodegas e prometeu “unha gran celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea”. Ese día coñeceremos todas as propostas premiadas nesta edición 2024.

OS PROXECTOS FINALISTAS 11º PREMIOS MARTÍN CODAX DA MÚSICA

Blues, Funk e Soul: Brais Morán & Nasaufunk, O Cadelo Lunático, Martins Aneiros Band

Folk: Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane, De Ninghures

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom, Raposa, Woyza & The Galician Messengers

Canción de Autor/a: Antía Muíño, Guadi Galego, A Pedreira

Músicas Urbanas: Ash Diz, hydn, C Miranzo

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo, Burgas Big Band, Orquesta Charleston

Metal e Heavy: Youcanthide, Her Anxiety, Rymer

Bandas de Música Popular: Agrupación Musical de Goián, Banda de Música Municipal de Silleda, Banda de Música Unión de Guláns

Música Tradicional: Malvela, Mediarea, Os Melidaos

Música Infantil: A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas

Música Clásica e Contemporánea: Fabio Álvarez, Carme López, Juan Eiras

Electrónica: Mondra, Lontreira, Grande Amore

Jazz e Músicas Improvisadas: Orquestra Galega de Liberación, Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero, Diego Alonso

Rock e Punk: Moloch, Terbutalina, Mad Martin Trío

Pop e Indie: The Rapants, Lucía Aldao, Måi

Finalistas Organistrum:

Proxectos de Comunicación e Difusión: Miudiño Sessions, O TikTok de Rodri Míguez, Revista Rebelico

Festivais: Galegote, EmigraSON, As Nosas Músicas de Couso

Salas: Mardi Gras, A Pousada da Galiza Imaxinaria, A Arca da Noe

Finalistas Artista Emerxente: Leria, Mondra, Gloria Pavía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.