Nova cámara de 360 graos capaz de gravar en 8K

martes, 16 de abril do 2024 Marcus Fernández

Dende Insta360 están a revolucionar as súas cámaras de acción de 360 graos coa nova Insta360 X4, que sorprende cun salto de calidade e resolución, de xeito que agora é capaz de gravar vídeo envolvente en 8K a 30 imaxes por segundo, así como vídeo 5,7K a 60 imaxes por segundo ou en 4K a 100 imaxes por segundo.
A proposta de Insta360 con este dispositivo non consisten en gozar do vídeo envolvente en si mesmo, senón de aproveitar a captura en 360 graos para logo poder encadrar e estabilizar vídeo tradicional en 2D, de xeito que é posible realizar gravacións case sen preocupacións, xa que a cámara estará captando en todo momento o que acontece ao redor, e así non pasará por alto ningún detalle.
Cando empregamos a cámara utilizando un pau de selfie, este elemento faise invisible no vídeo final, de xeito que unha persoa soa é quen de realizar gravacións que parecen realizadas por un terceiro ou por un dron, conseguindo crear así vídeos que até hai pouco eran imposibles sen a axuda doutras persoas.
A nova Insta360 X4 integra un chip con IA que facilita funcións como o control por voz e xestos, podendo aproveitar tamén a IA para capturar e compartir tomas creativas. Tamén mellorou a súa batería de xeito que agora pode funcionar até 135 minutos seguidos.
Aínda que a cámara está pensada para funcionar captando 360 graos, tamén é posible empregala como cámara de acción empregando só un dos seus obxectivos (por exemplo, fixando a cámara no peito, no guiador dunha bicicleta, nunha táboa de surf...). É salientable que sexa resistente á auga (podendo somerxerse até 10 metros sen accesorios ou até 50 metros cunha carcasa protectora) e sexa capaz de operar a temperaturas de 20 graos baixo cero.
A nova cámara pode adquirirse a un prezo que parte de 559,99 euros (incrementándose o prezo en función dos accesorios que inclúa).

Vídeo promocional da Insta360 X4

As posibilidades das Insta360 X4 fan que esteamos ante unha das cámaras máis versátiles do mercado

PUBLICIDADE