“Tanto ‘Negro púrpura’ como ‘O corno’ teñen ese poder do audiovisual, que chega a moita xente”. Entrevista a Illa Bufarda

Illa Bufarda nace no ano 2012 como un proxecto cultural, sensible e comprometido coa promoción e a divulgación da cultura dende un eido ben definido: a linguaxe audiovisual. Este proxecto está integrado por Adriana P. Villanueva, Pilar Abades e Sabela Iglesias (de esquerda a dereita na fotografía de portada), comunicadoras audiovisuais e especializadas en animación, deseño e fotografía. “Traballamos constantemente na parte creativa con multitude de proxectos formativos, divulgativos, culturais e tamén focados na etnografía audiovisual onde a parte de recolla, arquivo e documentación se volve prioritaria. Dentro das nosas actividades tamén exercemos como docentes nos ámbitos nos que somos profesionais, isto é: fotografía, deseño, audiovisual con grupos moi diversos”, apuntan. Falamos con Pilar e con Sabela.

Como coñecedoras da historia do caruncho do centeo en Galicia grazas ao voso traballo Negro púrpura, como avaliades que se fagan películas sobre este tema como é o caso de O corno (2023)?

Sabela: Todo suma, cantas máis cousas se fagan sobre algo que non se coñecía fai que se integre máis na nosa propia historia. Fai un ano habería xente que non tería nin idea do que era o corno ou o cornello. Cantos máis produtos culturais se fagan, sobre todo coa difusión que tivo O corno, moito mellor.

Pilar: Tanto Negro púrpura como O corno teñen ese poder do audiovisual, que chega a moita xente. Previamente houbo outros moitos artigos e publicacións que fixeron que a historia se recuperase e se espallase. Nese querer contar sobre este tema hai moitos axentes implicados, que ao aglutinarse fan que non se esqueza.

S: O caruncho dá aínda para outra película e dous documentais. Pódese abordar aínda con máis profundidade e ten moitos máis temas asociados.

P: Outro punto a ter en conta son os formatos. Negro púrpura é documental, O corno é ficción. Ao explorar a través desa parte máis creativa, abórdase o tema dende lugares moi diferentes.

S: Antes de Negro Púpura, na literatura actual xa había referencias previas ao tema, pero non fora analizado con tanta profundidade. 

Os vosos traballos están moi vinculados á historia oral, como é o caso tamén de Fíos fóra (2015). Cal é a motivación que tedes detrás de facer estes traballos?

P: As tres que formamos Illa Bufarda coincidimos nese interese particular na escoita. Queremos analizar o contexto no que estamos, dar valor a outro tipo de discursos que non están no centro da información. É importante  saír dese centro á hora de crear.

S: É unha maneira de contar o que é de aquí dende nós mesmas. Non vén xa contado nin é feito por outras persoas. É a intención tamén en Fios fóra, saír dese tópico do home feito a si mesmo, de Amancio Ortega. Queremos ver que hai aquí que nos pode dar outra visión. En Negro púrpura buscamos analizar a influencia que tivo o rural galego nunha época determinada. A nós sorprendíanos que non se contara isto. Estas son as motivacións que nos levan a facer estas pezas. 

P: Temolo falado en presentacións do documental, que non entendíamos que estas historias non chegaran ata nós. Tamén o importante que é a escoita, o necesario que é escoitar.

S: O documental tamén promove que se volva falar do tema logo da proxección. Fálase coas avoas e faise un diálogo interxeracional dende outro punto de vista.

Fotograma do documental ‘Negro púrpura’ (2021)

Cal vos parece a conta pendente da investigación e a divulgación da historia oral en Galicia?

S: É difícil. Levándoo ao noso terreo, dende o proceso audiovisual, a parte de documentación e traballo de campo moitas veces nin se contempla, está invisibilizada. En Negro púrpura tivemos a sorte de ter unha axuda especificamente para iso, para investigar, facer entrevistas… Foi un luxo, non é o habitual. Falta apoio á investigación e tamén facilitar o acceso aos traballos que xa hai feitos. Así pódese poñer en valor todo isto.

P: É difícil chegar a esa recollida e a investigación, fai falta poñer en valor da figura da investigadora. Porque ao final, ese querer saber máis é a memoria, o que somos e de onde vimos. 

No caso de Negro púpura utilizades fontes moi diversas. Que vos pareceu o máis difícil no traballo de campo?

S: Como era unha historia que a xente que a viviu de primeira man era moi maior, tiñamos a sensación de que non tiñan a memoria en condicións de contar esas vivencias. As persoas tiñan información moi valiosa pero que xa non podían lembrar. Tiñamos présa por ese condicionante do tempo. Por outra parte, os contactos con Zeltia, a multinacional de Vigo, foron moi difíciles. Foi complicado acceder a fotografías e documentación. Foi posible o contacto con persoas xubiladas pero coa propia empresa non. Outro tema complicado foi o dos abortos. Foi difícil dar con testemuñas directas: ao final só un home fala diso no documental. É unha parte moi íntima e doLOrosa polo que non puidemos ter unha testemuña de primeira man. Polo demais a xente estaba disposta a falar. 

Entre os vosos traballos tamén destacan os que teñen unha compoñente máis pedagóxica como son o caso da webserie S.E.X. e a campaña de ALingua. Preferides máis esta vía ou a vía máis artística (ou unha combinación das dúas)?

P: Na Illa temos dúas liñas de traballo: nunha están os proxectos propios como é o caso desa webserie, Negro púrpura, Fíos fóra…; e logo por outra parte estarían as encargas, como ALingua. Cada un ten as súas necesidades. Sempre que temos unha idea ou nos chega, buscamos a mellor maneira de acometela. Se ten unha parte máis pedagóxica, imos buscar as ferramentas que teñamos ao noso alcance para que o obxectivo sexa ese. O que non quere dicir que non teña importancia a parte creativa. E así mesmo ao revés, ao mellor con Negro púrpura temos unha vea máis de creatividade pero a parte divulgativa está aí tamén. É difícil desligalas. 

S: É unha conxunción, calquera decisión que tomemos valorámola en temas artísticos, en termos divulgativos, que se entenda, en que plataforma vai estar…O plano artístico témolo moi presente. 

Máis artigos

Meaño, 1994. Estudante do Grao de Xeografia e Historia na UVigo. As áreas de coñecemento nas que me centro son a Paleografía e a Historia Medieval, concretamente no referido a documentación monástica.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade