O mapa de Galicia de Lloréns. Do pavillón de Galicia da Exposición Iberoamericana á Facultade de Xeografía e Historia da USC

Aurelia Balseiro García e María Quiroga Figueroa

En 1929 tivo lugar en Sevilla a Exposición Iberoamericana  (EIA) onde as catro deputacións galegas patrocinaron e xestionaron a construción do pavillón de Galicia. Este proxecto foi organizado pola Ditadura de Primo de Rivera, con claros fins propagandísticos do réxime, a través dun escaparate que amosara a diversidade do territorio español, o seu potencial e, por suposto, a unidade nacional, no conxunto internacional participante.

O arquitecto encargado da execución do edificio foi Miguel Durán-Loriga Salgado[1]. Posteriormente, o pintor Francisco Lloréns Díaz[2] (A Coruña, 1874- Madrid, 1948) era nomeado director artístico, encargado de decoración e contidos, recompilando diversos bens culturais para expoñer publicamente no citado inmoble.

Lloréns[3] deseñou o programa iconográfico e decorativo do pavillón fundamentado no patrimonio cultural galego, con especial relevo no feito xacobeo,  sempre coa aquiescencia dos respectivos responsables das deputacións provinciais. Recurreu a outros  artistas  para amosar aspectos da súa terra, pero el mesmo tamén realizou obras pictóricas como os frisos da pesca[4], representando á xente do mar, expostos daquela no Salón de actos, e  xestionou directamente diversos préstamos ou colaboracións institucionais e particulares para a dotación do edificio.

O mapa de Galicia, obra Lloréns, estivo situado na Sala de Turismo do citado edificio. Foi realizado en óleo sobre lenzo cunhas considerables dimensións: 245 x 193 cm[5].  O motivo central está representado nun figurado pergameo desenrolado donde se sitúa o mapa de Galicia cos nomes das catro provincias e os seus límites, as capitais respectivas e outras poboacións destacadas. Tamén aparecen debuxados monumentos como a muralla romana de Lugo, o mosteiro de Samos, a catedral e a ponte de Ourense, o mosteiro de Oseira, a Peregrina en Pontevedra, a torre de Hércules na Coruña ou a catedral de Santiago, entre outras referencias patrimoniais de vilas máis pequenas,  ou os faros da liña costeira galega marcados co seu feixe de luz.

Así mesmo, representa a rede de estradas e comunicacións que vertebran o territorio diferenciando por cores a liña férrea e as estradas nacionais e comarcais. Pero ademais da parte cartográfica,  arredor disponse un sinxelo programa iconográfico-decorativo: nas esquinas e centro superior e inferior, atópanse representados distintos motivos alusivos ou relacionados coa EIA. Na parte inferior, á dereita e esquerda respectivamente, un home e unha muller con vestimenta tradicional, a continuación versos do poeta Ramón Cabanillas  e, no centro, o apóstolo Santiago a cabalo[6] sobre o escudo de Galicia inscrito nunha vieira rodeada de motivos de flores e froitas. Na zona superior do mapa a dereita e esquerda aparecen sendas naves históricas, unha carabela e unha goleta, aproadas cara ao centro da composición para facer referencia ás viaxes entre España e América. Incidindo neste tema, na liña do horizonte do mar hai outras dúas embarcacións modernas de vapor e no medio delas un amencer ou solpor.

A clásica composición e os motivos representados están directamente relacionados co destino desta obra na EIA vinculando Galicia coa promoción dos seus símbolos máis visibles: o folklore, o feito xacobeo, o patrimonio ou a súa literatura e historia, xunto con esa mención á navegación histórica atlántica.

Trala clausura da EIA en 1930, o edificio foi derruído e o contido devolto e/ou repartido entre as institucións provinciais pero, no caso dalgúns bens mobles realizados ex profeso, dispúxose a súa doazón. Nunha reunión celebrada en Ferrol, o 28 de maio[7] do ano devandito, entre os responsables das catro deputacións, acordouse doar á Universidade de Santiago de Compostela “unha biblioteca composta de 544 tomos de autores galegos, unha librería de carballo, dous portalibros, catro librerías de caoba, un mapa de Galicia en relevo e outro pintado por Lloréns”. Actualmente, os libros forman parte da biblioteca universitaria e o mapa de Lloréns está situado na aula 11 da Facultade de Xeografía e Historia da USC[8]. Estes son os versos no Mapa de Galicia de Lloréns:

¡Galicia nai e señora

Sempre garimosa e forte;

Preto de lexos; onte e agora

Mañan…na vida e na morte!

¡Galicia! A Galicia santa

De romeiros e xuglares!

E de historia que abrilanta

A tradición nos fogares.

A imaxe de portada correspóndese co “Mapa de Galicia” de Francisco Lloréns Díaz. Procede do Museo Virtual da USC e a peza localízase na Aula 11 da Facultade de Xeografía e Historia.


[1] Vid. Aurelia BALSEIRO GARCÍA: “Durán Loriga-Salgado y el pabellón de Galicia en la Exposición Iberoamericana de Sevilla” en Graciani García, a (coord.). Huellas de España en la Exposición Iberoamericana (Volumen I: Galicia. Visión, presencia y mensajes). Sevilla: Editorial Universidad de Sevilla, 2023, pp. 75-90.

[2] Vid. María QUIROGA FIGUEROA (2023). “Unas aportaciones sobre el legado de la participación de Galicia en la Exposición Iberoamericana, conservado en el Museo Provincial de Lugo”en Graciani García, a (coord.). Huellas de España en la Exposición Iberoamericana (Volumen I: Galicia. Visión, presencia y mensajes). Sevilla: Editorial Universidad de Sevilla, 2023, pp. 91-104.

[3] Neste ano faise o 150º aniversario do nacemento de Francisco Lloréns, polo que contribuímos a esta efeméride lembrando esta obra en concreto, no contexto do seu traballo para o pavillón de Galicia da EIA de 1929.

[4] Os tres frisos titulados respectivamente: A pesca, Regreso da pesca e Fábrica de sardiñas, consérvanse expostos na Biblioteca do Museo Provincial de Lugo.

[5] ASM. Ficha Técnica: Mapa/Galicia. Lloréns Díaz, Francisco ( A Coruña, 1874-Madrid, 1948).

[6] Esta mesma iconografía de Santiago derrotando as tropas de Abderramán II na Batalla de Clavijo aparece tamén no relevo do tímpano da porta de entrada do pavillón de Galicia en Sevilla.

[7] Aurelia BALSEIRO GARCÍA e María QUIROGA FIGUEROA (2023). “El legado de la participación de Galicia en la Exposición Iberoamericana”en Graciani García, a (coord.). Huellas de España en la Exposición Iberoamericana (Volumen I: Galicia. Visión, presencia y mensajes). Sevilla: Editorial Universidad de Sevilla, 2023, pp. 105-134. 

[8] Ibídem, pp.131-132.

Máis artigos

O Vicedo, 1967. Licenciada con grao en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Sección Historia da Arte. Especialidade de Museoloxía. 1985-1990. As súas principais liñas de investigación principais están relacionadas co ouro e a ourivería antiga, o patrimonio cultural galego e a historiografía do MPL. É Directora do Museo Provincial de Lugo dende outono do 2008, e ten participado con máis dun cento de publicacións en revistas, xornais, boletíns e actas de congresos.

Máis artigos

Lugo, 1969. Licenciada en Xeografía e Historia na Sección de Historia del Arte, especialidade Museoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1992 traballa no Museo Provincial de Lugo no Departamento de Bellas Artes. Ten sido relatora en diferentes xorndas e publicado títulos como “Instantes na memoria. Fotografías de Salvador Castro Freire 1869-1952” ou “Museo do Prado. Os depósitos no Museo Provincial de Lugo”.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade