fbpx
CompostelaCulturaNovasReportaxes

40 anos de Centro Dramático Galego: a unidade teatral da Xunta busca recuperar parte da súa memoria e achegarse a máis públicos

Noemi Rodríguez, Luma Gómez e Fran Núñez, na porta de entrada ao patio de butacas do Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego. Foto: Iván Barreiro
Noemi Rodríguez, Luma Gómez e Fran Núñez, na porta de entrada ao patio de butacas do Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego. Foto: Iván Barreiro

Era luns pola mañá cando quedei para unha entrevista co director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, a actriz Luma Gómez e a dramaturga Noemi Rodríguez. O Salón Teatro estaba ocupado polos ensaios de Os actos e as profecías, a produción central coa que unidade de produción teatral da Xunta de Galicia festexa o seu 40 aniversario. Así que decidimos tomarnos un café no local do lado. E comezamos a charlar.

“Este aniversario tentamos centralo en recuperar parte da nosa memoria e en enganchar co público e coa comunidade”, comentou Fran ao inicio da nosa conversa. Con ese espírito de apertura, a finais de marzo realizáronse unhas visitas dramatizadas no Salón Teatro, a cargo da compañía Galeatro, nas que participou como guía  a actriz Luma Gómez: “Tratábase de explicar de xeito moi resumido a historia do Centro Dramático Galego, contando tamén a propia historia do edificio e como se converteu na súa sede fai vinte e cinco anos”.

Por que con ela? Porque Luma formou parte do elenco do primeiro espectáculo producido pola compañía pública galega na década dos 80. “Os inicios foron bastante convulsos. A idea inicial era adaptar Divinas Palabras, pero os herdeiros de Valle-Inclán non permitiron facelo en galego”, lembra a actriz. Que fixeron entón? “Xúlio Lago, que era o director, estaba traballando para a súa propia compañía con Woyzeck e propuxo empregar ese texto. Manuel Lourenzo fixo a tradución e Lago adaptouno para deixar o mesmo reparto que xa estaba contratado”.

Era o ano 1984 e o Centro Dramático Galego nacía co obxectivo de contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega. “A miña xeración tiña claro que había que crear un sistema teatral en Galicia. Antes a profesión era moi precaria. Faciamos todo nós: deseñabamos o vestiario, construíamos a escenografía, montabamos e desmontabamos despois de cada función... Supoñía moitas veces unhas 15 horas de traballo ao día”, recorda Luma. “Pero coa chegada do Centro Dramático Galego o certo é que se profesionalizou, no sentido en que se definiron os oficios teatrais con claridade. Cada quen facía o seu. Os técnicos, os actores e actrices, os deseñadores de escenografía e vestiario... Tamén en canto aos salarios, cobrábase o que se podía. Unha vez cubertos os gastos, repartíase a partes iguais o sobrante. Un mes cobrabas máis porque houbera máis funcións. Outro, menos... Era unha situación complicada. Pero coa chegada do Centro Dramático Galego melloraron as condicións. Ademais dese modo, todos nos demos de conta de que as cousas tamén se podían facer así nunha compañía privada, na medida das posibilidades de cada unha, claro, pero pagando salarios dignos, dietas, quilometraxes...”, resalta.

Dende entón, o Centro Dramático Galego vén desenvolvendo un constante traballo de produción e distribución de espectáculos teatrais, con máis dun cento de producións e coproducións estreadas. Entre elas, obras que recuperaban os nosos autores fundamentais, grandes nomes da literatura dramática universal de todos os tempos e pezas de dramaturgos galegos contemporáneos.

Na nosa charla de bar saen á palestra os títulos Gulliver F.M. (Radio condena) de Antón Reixa (1985); Un soño de verán, de Shakespeare adaptado por Eduardo Alonso -“Foi un éxito! Había colas para coller entradas”, recorda Luma-; a tamén adaptación que fixo Manuel Guede de Calígula (2000); Illa Reunión, de Ana Vallés; Estigma, que dirixiu Dani Salgado (2008); Tarará-Chis-Pum!, unha creación colectiva baseada na obra de Artello Teatro; As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño, dirixida por Xúlio Lago (2010); e cando Chévere levou a escena, agora si, aquel texto co que o Centro Dramático non puidera iniciarse no 1984, Divinas Palabras Revolution (2018).

Woyzeck (1984) foi o primeiro espectáculo producido polo Centro Dramático Galego.
Woyzeck (1984) foi o primeiro espectáculo producido polo Centro Dramático Galego.

 

Terceiro acto

A celebración do 40º aniversario do Centro Dramático Galego inclúe tres producións: “A principal é a de Os actos e as profecías, que se estreará o 11 de abril. Por outra banda, estamos xa a representar Manuela Rey Is In Da House, en coprodución con Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional  São João do Porto. Un espectáculo que nos fala da actriz galega que triunfou en Lisboa a mediados do século XIX e que non puido actuar no Centro Dramático Galego porque non existiamos daquela. Iso tamén lle dá valor a que as actrices poidan ter o seu teatro nacional aquí e non ter que ir a un estranxeiro. E, por outra banda, recuperaremos no segundo semestre do ano unha obra moi simbólica, Terceiro acto”.

Noemi Rodríguez dirixe, xunto con Andrea Jiménez, este espectáculo que protagonizan cinco intérpretes que son historia viva do teatro profesional galego (Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Tatán R. Cunha), e que se estreou en plena pandemia, con restricións na sala e máscaras entre o público. “Nós puxémonos a traballar cando aínda non había vacinas. Así que imaxínate o que eran eses ensaios. Temos moitas ganas de que o elenco poida vivir a experiencia coa platea chea. Retomalo tres anos despois vai ser algo moi épico. Fíxate que en lugar de Terceiro acto os actores queren que se chame Epílogo”, afirma a dramaturga entre risos. “O que pretende esta obra é facer unha homenaxe aos artistas da súa xeración, que sen dúbida son grandes referentes e abriron moito camiño; e tamén establecer unha relación coa xeración ‘millennial’ e derrubar prexuízos”, explica.

Cando remate o ano o Centro Dramático Galego terá posto en pé ou participado en 15 espectáculos ou proxectos escénicos. Ademais dos xa citados e despois de Hamlet, o de Cunqueiro e de Míticas pero secundarias (os dous títulos dentro do ciclo Clásicas desfeitas da Cidade da Cultura de Galicia),  a actividade seguirá con outras 10 coproducións: De Vilatriste a Vilalegre, O corazón na boca, Na hora dos cans, Territorios de liberdade, Frágua de amor, Nada se sabe, Proxecto Curtas - Entrepalav.bras, Fear Liath, Cores e mais o programa Quintas do Camoes.

Internacionalización e accesibilidade

En paralelo ás producións postas en marcha neste aniversario, o Centro Dramático Galego continúa co seu traballo internacional, fundamentalmente a través de dous proxectos europeos: Phōnē sobre linguas minorizadas, no que se encadra Os actos e as profecías, e o Proxecto Nós-Nous, unha rede de intercambio teatral para darlle ao alumnado das escolas superiores de arte dramática de Galicia, Francia e Portugal unha experiencia profesional. “Este ano reforzamos moito a colaboración co mundo lusófono, especialmente con Portugal. E temos tamén coproducións con Irlanda, Alemaña... e varias sorpresas que iremos desvelando. Ademais de moita actividade formativa, encontros...”, apunta Fran.

Por outra banda, a nosa unidade de produción teatral pública segue traballando a prol da accesibilidade. Así, desde hai uns anos as funcións son inclusivas, con apoio en lingua de signos e materias especiais para a súa percepción. Hai tamén sesións descontraídas, que se desenvolven nunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia ao ruído e ao movemento no patio de butacas, formuladas para aquelas persoas cunha especial sensibilidade ou con necesidades sensorias específicas para a escoita e mais a comunicación. 

A descentralización é outro dos obxectivos que, segundo asegura Fran, queren lograr. “Non podemos concentrar todo o noso traballo na AP9, pero como é difícil levar fóra algúns espectáculos, fixemos un de pequeno formato, a coprodución con Teatro Ó Cubo De Vilatriste a Vilalegre, que vai percorrer nun camión máis de 100 concellos en Galicia, todos pequenos, ningún dos grandes. Será unha xira entre maio e setembro”, conta.

E agora que?

Antes de rematar o noso café quedábame unha cuestión que facerlle a Fran Núñez. E agora que? Cara onde debe camiñar o Centro Dramático Galego cando remate a celebración do seu 40º aniversario? “Esa é unha pregunta que se están a facer todos os centros dramáticos, como transformalos cos novos tempos. Temos que buscar como podemos estar ao servizo por un lado da cidadanía e por outro, da profesión. Neste sentido, creo que é clave mellorar na accesibilidade que comentabamos antes. E con respecto ao sector, por un lado debemos seguir traballando nas liñas que demandan, como son as residencias. Debemos ser un elemento articulador entre compañías e institucións. E tamén creo que é fundamental ir estreitando a nosa relación coa escola, porque é a xente que dentro duns anos vai estar aquí”, sinala. “E outro punto importante é a internacionalización, digamos ser unha das cabezas visibles de relacións públicas para a proxección exterior do noso teatro. Ao mellor non tanto para levar os nosos espectáculos, pero si para levar aos nosos artistas fóra”, conclúe.

Moito vivido e moito por facer. Que se siga abrindo o pano.

Noemi Rodríguez, Luma Gómez, Fran Núñez e mais eu, durante a nosa charla. Foto: Iván Barreiro
Noemi Rodríguez, Luma Gómez, Fran Núñez e mais eu, durante a nosa charla. Foto: Iván Barreiro

'Os actos e as profecías' desde o 11 de abril no Salón Teatro

Por Rebeca Munín

Os actos e as profecías, a produción central do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, con dirección de Tamara Canosa e dramaturxia xunto a Xacio Baño, estrearase o vindeiro 11 de abril no Salón Teatro.

Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro “Cou”, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal son os 20 nomes do elenco, un dos máis numerosos dos contratados pola compañía pública galega nos seus 40 anos de historia, que foi seleccionado tras as audicións celebradas o pasado verán coa participación de máis de 80 intérpretes de toda Galicia.

Forman parte tamén do equipo de Os actos e as profecías Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay á fronte do deseño do vestiario e a caracterización; Rut Balbís, do movemento; José Faro, da iluminación canda Iván Núñez e do espazo escénico; Xosé Lois Romero, do espazo sonoro, e Laura Míguez no acompañamento a Tamara Canosa nos labores de dirección. “Síntome moi afortunada por estar neste proxecto. Ata o de agora dirixín poucas pezas e con moitos menos actores e actrices, entón dábame medo pero claro, isto tiña que facelo!”, confesa Canosa. E engade: “Necesitaba coñecelos antes de comezar os ensaios para ter o que eu chamo un ‘Manual de instrucións’. Así que empreguei dúas semanas do proceso en facer unha estadía creativa e foinos moi ben, fixemos moito grupo. A xestión humana, que era o que a min me preocupaba un pouco, está indo xenial”.

Tamara Canosa, directora de Os actos e as profecías.
Tamara Canosa, directora de Os actos e as profecías.

O espectáculo ten como fío condutor os chamados ‘talent shows’, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A partir del, abórdanse temáticas como a competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as exixencias impostas para o sacrificio. “Nesta peza transformamos un pouco o espazo porque era importante poñer o público no centro e, coa escusa dos ‘talents shows’, tratamos de reflexionar sobre a nosa relación co éxito e o que estamos dispostos a facer por alcanzar un soño”, avanza a directora.

Ademais de se presentar como o espectáculo principal do ano 2024 da unidade de produción teatral da Xunta, Os actos e as profecías é unha das propostas resultantes do proxecto europeo Phōnē para a posta en valor tanto da diversidade lingüística europea como das linguas minoritarias a través do teatro. Nel, ademais do Centro Dramático Galego, participan de xeito transversal distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a entidades escénicas doutros sete países.

CANDO?
Do 11 de abril ao 26 de maio.
Funcións de mércores a domingo.

ONDE?
Salón Teatro (rúa Nova, 34)

LOCALIDADES
Á venda nas canles habituais: na web entradasataquilla.com e no despacho físico de billetes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.