Marvel presenta un hero shooter para PC

mércores, 27 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos como Overwatch van ter en breve unha atractiva proposta que destaca por contar con heroes sobradamente coñecidos, xa que o novo traballo de NetEase Games tirará de personaxes da Marvel.
Marvel Rivals será un hero shooter de enfrontamentos en equipos de 6 xogadores nos que poden xuntarse tanto heroes como viláns, con cadanseus superpoderes, que combaterán en mapas destrutibles ambientados no Multiverso Marvel (como Asgard, o fogar de Thor, ou o Tokio de 2099).
En maio este xogo para PC iniciará as súas probas, permitindo así que os usuarios encarnen a personaxes icónicos como Black Panther, Spider-Man, Magneto ou Magik, xa que o amplo catálogo de personaxes non esquece a grandes formacións heroicas da Marvel como os Vingadores, os Gardiáns da Galaxia ou a Patrulla X.
O xogo destacará por contar con sinerxías entre personaxes, de xeito que combinarán os seus poderes para lanzar impresionantes ataques, como poderemos ver cando Mapache Foguete sube a lombos de Groot ou cando Hulk desencadea a súa enerxía gamma para cargar a armadura de Iron Man para causar grandes danos.
O xogo contará cunha historia orixinal, na que ten lugar un cruel enfrontamento entre o Dr. Doom e a súa contrapartida do ano 2099, que forzarán a colisión de universos na Trama do Fluxo Temporal, creando novos mundos e crisis inéditas que farán que viláns e heroes teñan que formar grupos disparatados para enfrontarse ao bando contrario.
Polo momento está confirmada a presenza en Marvel Rivals de Hulk, Iron Man, Black Panther, a Bruxa Escarlata, Spider-Man, Punisher, Namor, Dr. Strange, Tormenta, Magik, Groot, Mapache Foguete, Star-Lord, Mantis, Loki e Magneto, así como de personaxes menos coñecidos (por ser de recente creación) como Luna Snow e Peni Parker. Tamén sorprende ver no tráiler de presentación do xogo a presenza de Galacta (filla de Galactus, tamén creada hai poucos anos).
Tampouco desvelaron se está previsto que o xogo dea o salto a consolas de videoxogos, aínda que parece bastante probable que será así unha vez que o xogo teña ben establecidas as súas bases xogables e conte co apoio dos usuarios, evitando así repetir erros como último xogo dos Vingadores, concibido como xogo como servizo, decepcionando ao público de xeito que non resultaba sustentable mantelo en activo.

Tráiler de presentación de Marvel Rivals

PUBLICIDADE