Novos teléfonos encartables de Vivo

martes, 26 de marzo do 2024 Marcus Fernández

O fabricante chinés Vivo leva dende 2022 competindo cos encartables de Samsung, e agora presenta os novos Vivo X Fold3 e Vivo X Fold3 Pro, que destacan pola súas completas prestacións e xenerosas baterías , facendo que apostar por un smartphone con pantalla encartable non supoña prescindir de características dun móbil de alta gama.
O Vivo X Fold3 Pro é un smartphone con procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 que permítelle situarse comodamente na alta gama, ao que tamén contribúen as súa cámara traseira tripla asinada por ZEISS con sensores grande angular e ultra grande angular de 50 Mpíxeles e un teleobxectivo 3x de 64 Mpíxeles.
A súa pantalla encartable é de 8,03 polgadas cunha resolución de 2.480 x 2.200 píxeles, mentres que a pantalla exterior é de 6,53 polgadas cunha resolución de 2.748 x 1.172 píxeles. Sorprende a súa xenerosa batería de 5.700 mAh con carga rápida con cable de 100 watts e sen fíos de 50 watts, así como o feito de que o móbil aberto teña un grosor de só 5,2 milímetros, aínda que o seu peso si que é considerable (236 gramos).
En China pode adquirirse por 9.999 iuans (1.278 euros) na súa versión con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento, mentres que a versión con 1 TB de almacenamento ten un prezo de 10.999 iuans (1.406 euros).
Para usuarios menos esixentes lanzan o Vivo X Fold3, que realizan concesións como limitar o seu procesador ao Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 e contar cunha batería de menor capacidade (5.500 mAh), carga máis lenta (80 watts) e sen carga sen fíos. En contrapartida, o seu modelo máis económico, con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, ten un prezo de só 6.999 iuans (895 euros), polo que pode ser un produto moi atractivo para quen desexe entrar no mundo dos móbiles encartables.
Polo momento descoñécese se Vivo traerá estes dispositivos ao mercado europeo.

PUBLICIDADE