BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O estranxeiro’, todo o contrario a Camus

Álex Alonso.

César Lorenzo Gil.

O estranxeiro, de Álex Alonso, gañou o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, convocado polo Concello do Grove, na súa edición do 2022. O seu autor acumula varios premios de narrativa nos últimos anos: Torrente Ballester, Manuel Murguía, Ánxel Fole (dúas veces) e mostra en cadanseu traballo que é un autor versátil en canto a temas e estilos.

Desta volta opta pola novela humorística. Toma como referencia O estranxeiro, de Albert Camus, xa desde o título, para que non haxa malos entendidos, e intenta darlle unha volta ao argumento da novela máis famosa do autor francés, premio Nobel de Literatura no 1957. A intención de tal volta é paródica, desde logo, coas costuras ben á vista para que desfruten do retelling. Retelling é como lle chaman agora á reescritura, readaptación ou reinterpretación de historias xa coñecidas para convertelas noutras historias.

Neste O estranxeiro, no entanto, non hai rastro de Camus, agás o título e a intención. Tampouco é que haxa moito humor. Inténtao, practicamente en cada páxina, pero parte dun problema de difícil solución. O relato, narrado en primeira persoa, está construído a base de bordóns expresivos. O narrador necesita esa especie de linguaxe híbrida entre o informe administrativo e o diario cotián para facer avanzar a novela; e sen altura literaria nin un especial enxeño para captar o estraño, o paradoxal, o pase entre liñas… é difícil que apareza o humor máis alá do evidente.

Tampouco acerta ao tomar o argumento de Camus simplemente como un macguffin para atraer o lector. Porque na verdade, este O estranxeiro constrúese con notas costumistas en base a tipos e tópicos que producen no narrador a necesidade de tomar notas. Alonso fai unha especie de patchwork de sensacións, mais sen unha finalidade literaria, sen xerarquía nin xustificación, máis alá da construción dun personaxe máis ben vulgar a quen non lle importa someter o lector a disquisicións un pouco azarosas. Coma se o estilo da obra quixese ser a antieconomía de medios. Contar calquera evento co maior número de palabras. O caso paradigmático é a escena do asasinato do descoñecido. O autor capta con brillantez unha imaxe potente da acción, pero queda atrapado no seu achado e explótao demasiado. Vai e vén entre metáforas e adobíos até tirarlle todo o zume expresivo.

O momento máis divertido da novela é cando vemos o narrador lendo a obra Bebidas isotónicas e fast-food, obra coa que o propio Alonso gañou o seu primeiro Ánxel Fole (2016): “Curioso título. Gústame. É evocador. Suxestivo. O título, digo (…). Empeceino onte no bus e quedei enganchado da súa percha (…). Creo que o autor (completamente descoñecido para min) acertou coa primeira persoa (…). Dálle unha contundencia enorme, suculenta…” (p. 61).

♦ O estranxeiro, de Álex Alonso. Xerais, 2023. 152 páxinas. ♠17,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *