Mazarelos adiántase ao nadal e presenta o número 12 da revista!

A poucos días do comezo do nadal Mazarelos comparte coas súas seguidoras o novo número da súa revista. O duodécimo, que pecha o cuarto ano de existencia da publicación, conta na capa cunha ilustración da artista ferrolá Blanca Vila, cun motivo axeitado ao mes no que nos atopamos.

Arranca Rafael Quintía, antropólogo, economista e estudoso do patrimonio inmaterial, cun artigo que atrapa a atención da lectora: “Sacauntos e chupasangues: os mitos dos secuestradores de nenos na cultura galega”. Continuamos con Francisco Bermúdez e a súa visión da transmisión da música tradicional galega, convidándonos a repensar o modelo partindo da teoría do coñecemento. 

Segue Laura Rodríguez cun artigo que pivota arredor da aristócrata Ilduara Eriz (ss. IX e X) poñendo o foco sobre os espazos que ocuparon as mulleres na Idade Media. Logo Luis Bermúdez achéganos ao escultor barroco Francisco Rodríguez Gómez a través dalgúns exemplos de obras que desenvolveu na comarca de Bergantiños.

A entrevista deste número está protagonizada por Zósimo López (USC) e Íñigo Sánchez-Fuarros (CSIC), dúas persoas que dedicaron parte das súas investigacións ao mundo da verbena e das festas, tanto desde o punto de vista material como inmaterial. 

Pecha o número o clásico artigo dedicado a unha asociación do país. Neste caso Alexandre Varela preséntanos a Asociación Cultural O Carballo de Taboada, da que el forma parte. No texto amósanos o percorrido da entidade desde o seu nacemento (1985) ata os nosos días.

Sacauntos e chupasangues. Os mitos dos secuestradores de nenos na cultura galega – Rafael Quintía Pereira
Que hai de real e que hai de ficticio nos mitos? Rafael achéganos a multitude de figuras lendarias e sucesos reais relacionados cos ladróns de nenas e nenos. O texto, cunha linguaxe directa e que non deixa nada no tinteiro, atrapará a lectora.

Transmisión da música tradicional. Unha achega crítica desde a teoría do coñecemento – Francisco Bermúdez 
Como recibimos o que hoxe sabemos sobre a música tradicional galega e como llo estamos presentando ás futuras xeracións? Francisco observou limitacións no proceso e nos resultados desta transmisión e compárteas connosco neste texto.

Espazos ocupados e percibidos. O caso de Ilduara Eriz e das nobres altomedievais – Laura Rodríguez Rodríguez
Que espazos ocuparon as mulleres no medievo? Laura pon o foco nesta cuestión con este artigo que pivota arredor da aristócrata Ilduara Eriz (ss. IX e X) e das nobres altomedievais para poder reler o pasado do Reino de Galiza con perspectiva de xénero.

Da Terra de Montes á comarca bergantiñá. Unhas notas sobre o escultor Francisco Rodríguez Gómez – Luis Bermúdez Fernández
Coñecías este escultor barroco? Luis achéganos á figura deste noiés que desenvolveu a súa obra na comarca de Bergantiños. Para iso fálanos de obras como os retablos maiores de Oza (Carballo) ou Barizo (Malpica de Bergantiños).

“Os integrantes do ecosistema verbeneiro teñen pouca conciencia da súa importancia na dinamización do rural”. Conversa con Íñigo Sánchez-Fuarros e Zósimo López – Brais Ferreiro Ares e David Miguel Rodríguez Martínez
Algunha vez reflexionaches sobre o valor patrimonial das nosas festas e verbenas? Falamos disto con Zósimo e Íñigo. O primeiro é un dos comisarios da exposición “Botamos un baile?” (Cidade da Cultura) e o segundo é o investigador principal do proxecto PALCOS.

Asociación Cultural O Carballo. Orixe e metamorfose dunha iniciativa cultural nun concello rural – Alexandre Varela Rubín
Escoitaras falar da AC O Carballo? Alexandre Varela, membro dela e expresidente da súa Xunta Directiva, fálanos da historia da asociación, fundada no 1985, e as transformacións que experimentou ata ser o que é na actualidade. 

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade