Bonecos de chocolate e xenxibre

Se hai unhas bolachas típicas de Nadal son as bolachas de xenxibre! E é que ese arrecendo a especias que queda por toda a casa semella que dá unha calor especial para estes días de frío. Hainas de moitos tipos, formas e tamaños. E aquí no blogue tamén xa hai algunhas. Xa fixemos uns bonecos de xenxibre e unhas bolachas de xenxibre decoradas con glasado que estaban incríbeis. Desta vez, fixemos unha versión con cacao e decorámolas para que quedaran así de feitiños estes bonecos de chocolate e xenxibre.

bolachas de chocolate e xenxibre

A min o sabor a xenxibre nas bolachas gústame moito. Tamén podedes empregar outras especias como a canela ou o cravo, que tamén lle quedan moi ben. Para decorar, un pouco de chocolate branco e algún xel de azucre de cores. Se non tedes xeles, podedes tinguir con corantes o chocolate branco. Ou decorar todo con chocolate branco. Ou deixalas sen decorar, que precisar, por sabor, non o precisan. O que non podemos negar é que así quedan moito mellor.

bolachas de chocolate e xenxibre

Ingredientes para unhas 25 bolachas

  • 200 gramos de manteiga

  • 115 gramos de azucre

  • 65 gramos de azucre en po

  • 1 ovo

  • 350 gramos de fariña

  • 1 belisco de sal

  • 1 cullerada de cacao

  • 1/2 culleradiña de xenxibre

  • chocolate branco

  • xeles de cores

Preparación

  • Mesturamos todos os ingredientes e amasamos ata ter unha bóla de masa.bolachas de chocolate e xenxibre
  • Botamos fariña sobre a mesa de traballo e estiramos a masa co rolo de amasar ata que teña uns 4 mm de grosor.
  • Cun cortabolachas con forma de boneco, imos cortando as bolachas.bolachas de chocolate e xenxibre
  • Enfornamos a 200ºC durante uns 8-10 minutos, controlando sempre o forno.
  • Deixamos que arrefríen sobre a grella. bolachas de chocolate e xenxibre
  • Cando estean frías, derretemos o chocolate branco e poñémolo nunha bolsa de plástico de conxelar. Facemos un furadiño nunha das súas puntas e decoramos as bolachas.
  • E facemos o mesmo cos xeles de cores. Estes eran uns que tiña do Samaín, que merquei no Tiger.

Como vedes, o paso a paso é moi sinxelo. A cantidade de bolachas depende do grande que sexa o cortabolachas ou do finiña que deixedes a masa. Estes bonecos de chocolate e xenxibre fanse ben axiña polo que é mellor estar pendente do forno para non nos despistar. Ademais, de seguro que as crianzas vos botan unha man niso de preparalas e decoralas. E se non lles gusta a cociña, de seguro que vos han axudar a degustalas.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.