Sonic Rumble quere levar aos móbiles a fórmula do éxito de Fall Guys

xoves, 9 de maio do 2024 Marcus Fernández

Sega vai lanzar no inverno o xogo Sonic Rumble para Android e iOS, aproveitando a figura do célebre ourizo azul para copiar descaradamente a proposta de Fall Guys, xogo que causou furor no verán de 2020 en PC e PlayStation 4.
Este novo xogo de Sega permitirá xuntar até a 32 xogadores por partida, que terán que enfrontarse nunha carreira frenética nun escenario cambiante cheo de obstáculos nun mundo creado polo malvado doutor Robotnik.
En Sonic Rumble os xogadores poden colleitar aneis para poder conseguir novas indumentarias e accesorios, buscando así que os usuarios poidan lucir o éxito acadado nas súas partidas.
Aínda que falten bastantes meses para o lanzamento oficial do xogo, nos EE.UU. van celebrar unha beta pechada na última fin de semana do presente mes, polo que é probable que esteamos ante un título que realice un lanzamento suave, abríndose a algúns mercados puntuais en probas, antes de estar dispoñible globalmente.

Vídeo promocional de Sonic Rumble

PUBLICIDADE