O motorola edge 50 fusion e a familia moto buds, xa dispoñíbeis

Motorola anuncia novidades no seu portfolio de dispositivos, coa chegada do novo motorola edge 50 fusion. Ademais, tamén se incorporan ao catálogo os moto buds e moto buds+, as dúas novas referencias de auriculares do fabricante chinés.

O novo smartphone de Motorola destaca polo equilibrio das súas prestacións, que inclúen unha pantalla pOLED de 6,7 polgadas Full HD+ de borde infinito. Destaca por contar cunha taxa de refresco de 144 Hz e cos estándares cinematográficos de gama cromática. Competando esta experiencia atopamos un conxunto de altofalantes estéreo, e son Dolby Atmos.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal Ultra Píxel de 50 MP, con sensor LYT-700C de LYTIA. Dispón de estabilización óptica de imaxe (IOS) e tecnoloxía de enfoque por píxeles con 32 veces máis píxeles de enfoque. Acompaña a este sensor unha cámara ultra gran angular de 13 MP, mentres que na cámara frontal temos un modelo de 32 MP.

O motorola edge 50 fusion está protexido do pó e a auga polos estándares IP68. Así mesmo, o seu panel frontal conta con Corning Gorilla Glass 5, que certifica unha protección importante ante pequenas caídas ou as rabuñadas máis habituais que sofren estes dispositivos.

motorola buds e buds+

Xunto co novo smartphone, motorola tamén anunciou a chegada da nova familia de auriculares moto buds (moto buds e moto buds+). Os moto buds combinan un potente controlador cun sistema de son de alta resolución certificado e calidade de estudo. Grazas a isto poden ofrecer unha experiencia equilibrada, cun rango dinámico máis amplo e 3 veces máis detalle.

O seu controlador dinámico de 12,4 mm con axuste profesional proporciona un son máis nítido e limpo, e a súa batería ofrece até 9 horas de reprodución cunha soa de carga. Con tan só 10 minutos de carga, ofrece 2 horas adicionais de escoita.

Os moto buds+ engaden Hi-Res Audio, e son compatíbeis con Dolby Head Tracking, cando se combinan cos novos motorola edge 50 ultra e edge 50 pro. Esta función recalibra o son cando as usuarias moven a cabeza, proporcionando unha experiencia máis natural e realista.

Ofrece 8 horas de autonomía, e 3 horas adicionais con 10 minutos de carga. O estoxo no que se gardan achega até 38 horas de operatividade.

Dispoñibilidade e prezo

O motorola edge 50 fusion está dispoñíbel por 399 €, tanto na web de Motorola como nas canles e distribuidoras habituais. Pódese adquirir nas opcións veganas Hot Pink (rosa) ou Marshmallow Blue (azul), así como na combinación de cores Forest Blue.

En canto aos auriculares, os moto buds custan 59 € e se poden adquirir en Starkight Blue, Glacier Blue, Coral Peach e Kiwi Green. Os moto buds+, dispoñíbeis en Forest Grey e Beach Sand, custan 149 €.

Sobre o autor

Reply