Cinza | Manel Cráneo e Xavier Alcalá

  • Título: Cinza
  • Autor: Manel Cráneo e Xavier Alcalá.
  • Editorial: Demo Ed.
  • Lugar: A Coruña.
  • Ano de edición: 2023.
  • Número de páxinas: 136.
  • Prezo: 27€.

Garde calor de presenza a nosa cinza na marcha sen final do tempo

Manel Cráneo adapta, nesta novela gráfica, a popular obra de Xavier Alcalá, A nosa cinza. A obra relata as vivencias de Xoán desde a súa nenez até a xuventude nos anos da ditadura franquista. Xoán é fillo dun médico viúvo, ten raíces na aldea, que nunca remata de abandonar, pero desenvolve a súa vida na cidade, concretamente no Ferrol de metade do século XX. A situación política e social e a influencia da igrexa na vida cotiá son importantes é condicionan o crecemento persoal nun ambiente opresivo e asfixiante no medio dunha ditadura que condiciona as vidas e o crecemento vital dunha xeración. Importa tanto aquí o contexto exterior que vive o protagonista como a súa transformación interior.

Cráneo escolleu traballar esta obra cunha técnica tradicional, lapis e tinta chinesa, e iso nótase ben nunhas páxinas que transmiten á perfección o ambiente deses anos. O branco e negro e a textura analóxica fan que a parte gráfica se integre dun xeito moi orgánico nunha adaptación visual excelente na que o estilo do autor faise, para esta obra, máis realista e especialmente detallista nos edificios. O traballo de Cráneo acada nesta obra, probabelmente, o seu cumio. Un salto que fai que este home orquestra da banda deseñada e da cultura galega entre definitivamente, se é que non o fixera xa, no olimpo dos nosos autores e autoras.

O guión do cómic, que non é un calco da novela senón unha adaptación, é correcto. Fai fluír a historia para que avance constantemente na mesma dirección que o tempo, mesmo ás veces coa mesma velocidade lenta e monocorde, que nos introduce de cheo na historia deses anos. Sen dúbida, un cómic que será moito máis interesante para a xeración do autor da nóvela, algo menos para a seguinte e, sucesivamente, moito menos para as consecutivas.

A novela foi un éxito de vendas –usando ese truco, tan querido polo sector editorial, da lectura obrigatoria na secundaria durante décadas– e de seguro que será interesante para quen goste dunha historia, xa mil veces contada, manida, autocompasiva e autorreferencial dunha xeración que se perdeu, primeiro, nalgún punto entre a represión sufrida; logo na liberdade mal autoadministrada e, finalmente, nos traumas larvados e pouco psicanalizados que lles impiden calar e retirarse a tempo.

A edición é excelente, capas duras con papel e impresión de calidade. Destacamos que unha editora pequena, coma Demo, sexa quen de publicar obras desta calidade e acabado, namentres outras de renome seguen facendo o ridículo con edicións cativas, de pouca calidade e con obras manifestamente malas. Obras que de non ser pola necesidade de manter o capital circulando non serían publicadas nin como traballo final da materia de plástica da secundaria.

A única chata desta obra é o prezo que definitivamente nos asoma máis ao abismo dos trinta euros por novela gráfica, inflación e crise de por medio.

Deixar un comentario