Probamos Vodafone Hogar 5G, a alternativa á fibra baseado en 5G

Este venres, 19 de abril, é o día escollido por Telefónica para apagar a súa rede de cobre. A data chega sen ter rematado a extensión da rede de fibra óptica ao 100% das usuarias da rede de cobre, e sen que moitas de estas teñan sido migradas a alternativas como os servizos baseados en conectividade móbil ou satélite.

Recentemente fixemos unha compartiva das mellores alternativas, e se ben é certo que desde aquela Movistar actualizou a oferta cun novo produto baseado en 5G, aínda non llo están a ofrecer a todo o mundo que queda nesta situación de desconexión.

A alternativa de Vodafone, Vodafone Hogar 5G, continúa a ser para nós a mellor opción, tanto por prezo como polas posibilidades que ofrece, aínda que evidentemente escoller unha ou outra compañía dependerá -entre outros aspectos- da cobertura na nosa zona. Nas últimas semanas estivemos a probar Vodafone Hogar 5G, e a continuación podedes ler as nosas impresións.

Equipamento de Vodafone Hogar 5G

A gran vantaxe dos servizos baseados en 5G é que non precisan de instalación. No caso de Vodafone Hogar 5G, recibiremos o noso router cunha tarxeta SIM que deberemos introducir no router para que poida funcionar. Bastará con enchufalo á rede para que se conecte automaticamente.

O router que está a comercializar Vodafone para este servizo é o GigaCube, a segunda xeración dos que emprega para ofrecer a conexión FWA nas vivendas ás que non chega á fibra (ou ás usuarias que queren un servizo de conexión que permita a mobilidade). Está fabricado por ZTE (modelo MC888 Ultra), e substitúe o anterior, fabricado por TCL.

O seu deseño é minimalista, rematado en branco e con forma de cilindro, que encaixa ben en calquera sitio da nosa vivenda. No interior leva un procesador Snapdragon X65, que lle permite acadar velocidades de conexión moi superiores ás que teremos contratadas (até 3,8 Gbps/250 Mbps en redes 5G, e 1,6 Gbps/200 Mbps en 4G).

Na parte traseira leva dous portos LAN Ethernet, un con até 2,5 Gbps (que tamén pode facer de WAN) e outro de 1 Gbps. En canto á WiFi, vén con WiFi 6 de dobre banda (2,4 e 5 GHz), con catro antenas MIMO cada unha.

A este router tamén podemos conectarlle un teléfono fixo para aproveitar o servizo que ofrece Vodafone, aínda que esta funcionalidade non a analizamos. En calquera caso, as persoas interesadas neste servizo, deben saber que Vodafone regala un teléfono fixo inarámico para poder usar con esta liña fixa incluída.

Velocidades de conexión de Vodafone Hogar 5G

Ao ser unha conexión baseada en rede móbil, a velocidade de conexión dependerá da cobertura da nosa vivenda. É verdade que moitos dos lugares nos que non chega a fibra tampouco teñen boa cobertura móbil, mais o certo é que nos últimos anos vimos un importante incremento da calidade das conexións 4G e 5G que superan as espectativas.

O servizo permite conexións de até 1 Gbps, en sentido descendente, e 150 Mbps en sentido ascendente en condicións óptimas de 5G, aínda que na realidade serán inferiores a esas cifras. No caso de estar nunha zona sen cobertura de 5G, o router conectarase ás redes 4G para ofrecer servizo á máxima velocidade dispoñíbel. Para realizar os nosos tests, probamos o servizo en dúas ubicacións diferentes.

No primeiro dos casos, unha vivenda conectada cun ADSL pendente de migración a fibra, no que a velocidade de conexión sitúase nuns miserentos 2,5 Mbps en sentido descendente e 0,3 Mbps en sentido ascendente. Como é de imaxinar, con eses datos até enviar unha foto por WhatsApp resulta un suplicio, e xa non falemos de facer unha copia de seguridade das nosas fotografías na nube ou descargar unha actualización para o ordenador.

Conectado á rede 5G, o servizo de Vodafone Hogar 5G ofreceu ao longo de varios días, e dependendo de varios factores como a climatoloxía e a ubicación do router dentro do domicilio, unha velocidade de conexión cuxa velocidade mínima foi de 72 Mbps, e máxima de 121 Mbps en sentido descendente. En canto á velocidade de subida, variou entre os 13 e os 35 Mbps nos días que duraron as nosas probas.

A segunda das ubicacións nas que probamos o servizo é unha vivenda conectada á rede de fibra con velocidade contratada de 600 Mbps simétricos. Está situada ademais nun punto de visión directa cunha antena Vodafone, polo que os resultados foron mellores do imaxinado. Neste punto, conseguimos unhas velocidades de conexión de descarga sempre superiores aos 600 Mbps e de carga por riba dos 110 Mbps.

En varias ocasións, neste segundo punto conseguimos picos como os da imaxe superior, que se aproximan aos 800 Mbps en descarga e aos 150 Mbps en subida.

Conclusións

Logo de ter probado o servizo Vodafone Hogar 5G, reforzamos a nosa convicción de que se trata da mellor alternativa actual para as usuarias que quedarán sen servizo de banda larga fixa co apagón do cobre, tanto polo prezo como pola calidade do servizo.

Na primeira das vivendas analizadas, aínda que a conexión 5G non acada cifras que poidan medirse en pé de igualdade coas da fibra (como si que acontece na segunda vivenda), a mellora da conexión respecto ao ADSL é especialmente notoria: no peor dos casos, multiplícase por 30 a velocidade de descarga, e por 43 a de subida.

Condicións de contratación

O servizo Vodafone Hogar 5G parte dos 36,50 €/mes, no que está incluído o servizo de conectividade con datos ilimitados e unha liña fixa (baseada en rede móbil) con chamadas ilimitadas a fixos e móbiles. Van incluídos tamén nesa cota os 5 €/mes pola compra do router, e a partir do mes 36 o prezo do servizo baixa aos 31,50 €/mes. Ten unha permanencia de 12 meses.

Quen queira combinar este servizo cunha liñas móbiles, pode optar polo plan de 57,20 €/mes que inclúe unha liña con chamadas, SMS e datos ilimitados a 10 Mbps, ou pola oferta de 62 €/mes, que leva unha liña móbil con chamadas, SMS e datos ilimitados 5G e unha segunda liña con 200 minutos e 15 GB. Igualmente, estas cotas reduciranse en 5 €/mes logo de 36 meses co servizo.

O servizo Vodafone Hogar 5G é compatíbel tamén co decodificador de televisión de Vodafone, polo que as persoas interesadas poden contratar este servizo adicional, sempre e cando a cobertura garanta unhas velocidades mínimas para ofrecelo con calidade.

Sobre o autor

No Responses

Reply