O peche de servidores de The Crew lémbranos que xa non somos donos dos xogos que compramos

venres, 12 de abril do 2024 Marcus Fernández

Dende que os videoxogos xa non están sustentados no formato físico, senón que depende de servidores en liña para funcionar, non cesa o debate sobre a súa compra por parte de particulares, que moitos consideran que debería entenderse como un aluguer, xa que a propiedade non está garantida a longo prazo, como está a evidenciarse estes días con The Crew, xogo de carreiras de automóbiles de Ubisoft que pechou os seus servidores o pasado 31 de marzo e non só deixou de estar dispoñible para a súa compra, senón que tamén desapareceu da colección en Ubisoft Connect dos seus compradores.
A protesta dos xogadores, que perciben esta práctica como un roubo, non é moi razoable, xa que resulta evidente que un xogo en liña non pode funcionar eternamente, e menos tras anunciarse que pecharían os seus servidores.
De feito, usuarios que adquiriron o xogo a través da PlayStation Store, tras reclamar recibiron unha devolución dos seus cartos (sorprendendo que coase por tratarse dunha compra feita hai 9 anos).
Cómpre afacerse á desaparición de videoxogos ao cesar o mantemento dos seus servidores en liña, facendo que a súa preservación sexa imposible, o que si é algo que resulta especialmente lamentable, pois até o momento os xogos retro podían recuperarse a través da emulación, pero cando depende o seu funcionamento de servidores que funcionan con software propietario é imposible mantelos operativos para a posteridade se os seus responsables non actúan para evitalo.
De feito, estamos cada vez máis preto a que os servidores dos videoxogos poidan emularse en local, contando incluso con xogadores virtuais manexados por intelixencia artificial, de xeito que os xogos en liña poderían preservarse no caso de que exista a vontade de que así sexa.

PUBLICIDADE