Madeleines de Lotus e chocolate

As madeleines. Probeinas por primeira vez en Avignon. Nunha pastelería pequeniña e chea de encanto. E podo dicir que foi amor a primeira vista. Mais claro, non tiña o molde e non as podía preparar. Hai uns días cando merquei a decoración para a mona de Pascoa, vin que había o molde e xa non me puiden resistir. A receita é do máis sinxelo, non precisa tempo de repouso, e os seus ingredientes son os de sempre. O único diferente que ten esta receita é que a manteiga é manteiga noisette. Fixéstela algunha vez?

É unha manteiga torrada que dá un sabor especial ás preparacións onde se emprega. E chámase así porque o seu sabor recorda ao dos froitos secos. Polo xeral, ás noces ou ás abelás. As madeleines están boísimas tal e como están. Non precisan moito máis. E podedes comelas así, sen o choco nin a crema de Lotus. A súa textura é moi esponxosa e lixeira. E o seu sabor suave e cun toque fresco de limón.

Mais como neste blogue sempre estamos modo lambona, quixemos probar a darlles un toque especial. Para iso, untámolas de crema de Lotus e engadímoslles o chocolate branco. Quedan espectaculares. A mestura das tres é un pracer divino. E non me digades que non quedan chulísimas. Menuda pinta!

Ingredientes

  • 2 ovos

  • 80 gramos de azucre branco

  • 130 gramos de fariña triga

  • 7 gramos de fermento químico

  • 20 gramos de mel

  • 40 ml de leite

  • 130 gramos de manteiga

  • 1 limón relado

  • 1 belisco de sal

  • crema de Lotus (opcional)

  • chocolate branco (opcional)

Preparación

  • Comezamos preparando a manteiga noisette. Para iso, quentamos a manteiga nun cazo a lume baixo ata que vaia collendo unha cor dourada e aparezan uns restos máis escuros. Ademais, o seu arrecendo recordará ao dos froitos secos. Apagamos e reservamos.
  • Batemos os ovos xunto co azucre ata que vexamos que a mestura está máis cremosa. Despois imos engadindo o resto dos ingredientes, batendo e integrando de cada vez.
  • Engadimos pois a fariña.
  • O fermento.
  • Botamos o mel.
  • O leite.
  • A manteiga noisette, aos poucos porque aínda estará ben quente.
  • Relamos o limón e botamos o belisco de sal. Poñemos o forno a quentar a 210ºC.
  • Manteigamos o molde. E botamos unha cullerada, non moi chea, en cada oco. Debe quedar un pouco sen masa, como vedes na imaxe.
  • Baixamos a temperatura do forno a 200ºC e enfornamos durante uns 6-8 minutos ou ata que vexades que subiron e que a parte de arriba xa non se ve brillante.
  • É importante sacalas do molde mentres aínda estean quentes. Deixamos que arrefríen.
  • Collemos as madeleines e untámolas de crema de Lotus pola parte das raias.
  • Derretemos o chocolate branco no micro en función desconxelar para que non se queime, e botamos unha cullerada xeitosa no molde das madeleines.
  • Poñemos a madeleine enriba do chocolate e facemos unha lixeira presión. Agora só temos que agardar a que arrefríen.

Poucos datos vos podo dar sobre se aguantan moitos días. Por que? Pois porque ás poucas horas de facelas, das 30, xa só quedaban 7. Nós fixemos algunhas con Lotus, outras só con chocolate branco e outras sen nada. De calquera xeito están de vicio. Podedes botarlle outros chocolates, froitos secos picados ou crema de froitos secos. Estou segura de que sexa como for, habedes repetir.

Ah! E se non tedes o molde, non é mala idea engadilo á vosa listaxe de agasallos de aniversario.

2 Comments

  1. Ola ! De onde é ese molde das cunchas? Gustoume moito!
    Moitas grazas pola receita !!

    • Ola!
      Na páxina de María Lunarillos. É da marca Silikomart, non sei se o hai noutra tenda.
      Agardo que che gusten moito se as preparas! Xa me contas!!!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.