Polestar Phone, o teléfono do fabricante de coches

A barreira entre a automoción e a telefonía móbil é cada vez máis estreita. A estas alturas xa temos normalizado o coche de Xiaomi ou as versións Porsche de fabricantes como Honor. Agora é Polestar quen salta do sector da automoción ao da telefonía co seu Polestar Phone, un dispositivo dirixido aos fans máis entusiastas da marca.

O seu deseño está inspirado nos modernos modelos de Polestar, e acabado na mesma característica cor branca presente nos seus vehículos. Inclúe o logotipo da marca na parte traseira, e o nome completo nun lateral do dispositivo.

Realmente este teléfono é, na base, un Meizu 20 Pro actualizado en canto a prestacións, e cunha pantalla de 6,5 polgadas con resolución 2K+ e bordes mínimos. Inclúe, como non, funcións de intelixencia artificial, e fai gala de querer levar a conectividade a un nivel superior.

Para iso, o fabricante de automóbiles creou un ecosistema no que a conexión entre o coche o teléfono será máis rápida e eficaz ca nunca.

Poucos detalles máis se coñecen deste novo dispositivo fabricado por Meizu. A aposta por este fabricante para o seu desenvolvemento vén dada porque tanto este como Polestar pertencen ao mesmo grupo empresarial chinés, Geely.

Dispoñibilidade

É máis que probable que o Polestar Phone non saia da China. Cando menos, este primeiro modelo, que se deseña como unha proba de integración cos vehículos Polestar nun mercado, o chinés, no que o número de coches eléctricos está a medrar.

Sobre o autor

Reply